Este será o espazo onde compartirei moitas das vivencias sucedidas no día a día da miña aula infantil con 23 peques de 3 aniños, así como tamén vos darei algunhas ideas de actividades que se poden facer cos peques na casa, vos enlazarei a páxinas interesantes... Non vos perdades ningunha entrada para enterarvos de todo.
Aínda que a miña incorporación ao cole neste curso é aínda hoxe, 14 febreiro, xa que estiven de permiso por maternidade, moitas foron as cousiñas que fun facendo entre siesta e siesta do meu bebé para preparar esta volta ao cole.
Gústame moito reciclarme, ir a cursos relacionados co meu traballo, incorporar novas actividades e materiais, por iso sempre haberá novidades...
Para falarvos un pouquiño de como será o noso traballo na aula, direivos que non sigo unha metodoloxía única, senón que vou collendo o que máis me gusta de cada unha delas e vou facendo o meu propio método, que se poden resumir en:
* En canto ao ambiente--- Gústanme os ambientes preparados e o traballo da autonomía dos nen@s de María Montessori. Así mesmo me gusta que os nen@s estén nun espazo que se asemelle a unha casiña, por iso haberá unha zona propia adicada á vida cotiá, na que xogarán a actividades simbólicas do día a día e con materiais reais. Para favorecer a súa autonomía terán dispostos todos os materiais e xogos, de uso libre, á súa altura.
Ademais, o orde e a estética será fundamental, polo que a clase deberá quedar sempre moi recollidiña, para o que temos claro como e onde colocar cada cousiña.
* Para que se sintan moi cómod@s (como si estivesen na casa), máis quentiños (pois o chan é frío) e melloren na súa autonomía (calzar e descalzar; recoñecer as súas pertenzas, coller e gardar no seu sitio outra vez...) na aula poñerán unhas zapatillas de casa que teremos sempre na aula.
As miñas xa están preparadas! :)
* En canto ao uso dos materiais, ás provocacións de aprendizaxe, e á búsqueda das 100 linguaxes dos nen@s de Loris Malaguzzi, sigo moitas cousas das escolas de Reggio Emilia (Italia), entre elas a creación dun atelier na aula; a utilización de materiais naturais e de refugallo para creacións tanto artísticas como de materiais de xogis de distintos ámbitos (lóxica-matemática, lectoescrita, motricidade fina...)
* En canto á lectoescritura--- partiremos dun enfoque constructivista, a partir do nome propio e do dos seus compañeiros e compañeiras, familiares... e pouco a pouco avanzaremos no coñecemento de tódalas letras para ir formando palabras significativas para eles, e sempre en maiúsculas.
* En canto ao traballo da lóxica-matemática --- traballeremos sempre con actividades manipulativas, moitas relacionadas co método ABN (algoritmos baseados en números). Aínda que as veces poderían ir reflictidas nun papel, o proceso de aprendizaxe para facer as operacións básicas, coñecer a liña numérica ascendente e descendente, facer series atendendo a diferentes atributos... terá sempre un primeiro carácter vivencial, manipulativo e significativo, o que lles permitirá ir interiorizando os coñecementos que van adquirindo día a día a través da práctica diaria.
* En canto é relación co medio ambiente --- será un pilar fundamental na nosa aula, polo que o teremos en conta por exemplo co uso de diferentes materiais (moitos de refugallo aos que lles iremos dando segundas ou terceiras oportunidades) tanto para traballos individuais dos nen@s, como para a elaboración de materias de xogo e decoración da propia aula.
Participaremos tamén de cheo coa AMA (aula de medio ambiente) do cole, e faremos plantacións, colleitas... tanto no invernadoiro como na nosa aula. Así mesmo, teremos un espazo dentro da aula adicado exclusivamente á natureza, onde se traballará para valorar a importancia de coidala, así como ver procesos propios das vidas dalgúns animais e prantas moi de preto.
* En canto á filosofía para nenos --- sí, dixen ben! filosofía! xogaremos unha morea de veces a pensar. Seguiremos algunhas das ideas de Angélica Sátiro e Irene de Puig na súa colección de libros do Proxecto Noria, e nos atreveremos a opinar, a debatir, a investigar, a comparar... pero sobre todo a expresar e escoitar o que os demais expresan, dando os argumentos propios da idade na que estamos.
* E por último, e non por iso menos importante, senón todo o contrario, teremos en conta o aprendizaxe cooperativo --- En moitas ocasións traballarán en pequenos grupos, nos que cada un terá un rol diferente (portavoz, encargad@ de material, secretari@...) e terán que facer algunhas tarefas colectivamente. Serán de grande importancia estas actividades, porque para poder chegar ao obxectivo final é fundamental o papel de todos e cada un dos participantes, que irán aprendendo a colaborar cada vez máis.
* Ah, non! O aprendizaxe cooperativo non era o último, o último é o APRENDIZAXE COLABORATIVO FAMILIA-ESCOLA. Considero fundamental que haxa un traballo en equipo de toda a comunidade educativa, e que as familias (na medida do posible) participedes con nós a través das diferentes actividades que se vaian programando ao longo do curso.
E... se tedes algo que contar, que ensiñar... e vos gustaría vir ao cole a facer algo cos peques, non o dubidedes, poñemos unha data e os peques e a profe estaremos encantadísimos de recibirvos.
E para non alongar máis esta parrafada inicial... xa vos deixo coas aventuras das abelliñas.
Benvida Bea. Xenial a túa exposición e o que conleva con todas esas actividades coas que estou dacordo na súa totalidade. Bicos para ti e para esa colmea de abelliñas fermosas.
ResponderEliminar