martes, 14 de febrero de 2017

BENVIDA!!!!

Con esta entrada quero darvos a benvida ao meu novo blogue  (e digo novo porque xa levo uns cantos dende o ano 2007 que comecei a bloguear).
Este será o espazo onde compartirei moitas das vivencias sucedidas no día a día da miña aula infantil con 23 peques de 3 aniños, así como tamén vos darei algunhas ideas de actividades que se poden facer cos peques na casa, vos enlazarei a páxinas interesantes... Non vos perdades ningunha entrada para enterarvos de todo.

Aínda que a miña incorporación ao cole neste curso é aínda hoxe, 14 febreiro, xa que estiven de permiso por maternidade, moitas foron as cousiñas que fun facendo entre siesta e siesta do meu bebé para preparar esta volta ao cole.
Gústame moito reciclarme, ir a cursos relacionados co meu traballo, incorporar novas actividades e materiais, por iso sempre haberá novidades...
Para falarvos un pouquiño de como será o noso traballo na aula, direivos que non sigo unha metodoloxía única, senón que vou collendo o que máis me gusta de cada unha delas e vou facendo o meu propio método, que se poden resumir en:

* En canto ao ambiente--- Gústanme os ambientes preparados e o traballo da autonomía dos nen@s de María Montessori. Así mesmo me gusta que os nen@s estén nun espazo que se asemelle a unha casiña, por iso haberá unha zona propia adicada á vida cotiá, na que xogarán a actividades simbólicas do día a día e con materiais reais. Para favorecer a súa autonomía terán dispostos todos os materiais e xogos, de uso libre, á súa altura.

Ademais, o orde e a estética será fundamental, polo que a clase deberá quedar sempre moi recollidiña, para o que temos claro como e onde colocar cada cousiña.


* Para que se sintan moi cómod@s (como si estivesen na casa), máis quentiños (pois o chan é frío) e melloren na súa autonomía (calzar e descalzar;  recoñecer as súas pertenzas, coller e gardar no seu sitio outra vez...) na aula poñerán unhas zapatillas de casa que teremos sempre na aula.
As miñas xa están preparadas! :)


* En canto ao uso dos materiais, ás provocacións de aprendizaxe, e á búsqueda das 100 linguaxes dos nen@s de Loris Malaguzzi, sigo moitas cousas das escolas de Reggio Emilia (Italia), entre elas a creación dun atelier na aula; a utilización de materiais naturais e de refugallo para creacións tanto artísticas como de materiais de xogis de distintos ámbitos (lóxica-matemática, lectoescrita, motricidade fina...)

* Non traballo con libros de texto --- Non me gusta ter que seguir unhas pautas previamente fixadas, e moito menos facer o mesmo para 23 nenos e nenas que teñen distintos intereses, diferentes ritmos de aprendizaxe... por iso, traballo sen libros de texto, ás veces serán ABP (aprendizaxes baseados en pequenos ou grandes proxectos que xurden na aula) e outras traballemos sobre papel con traballiños personalizados e liberdade de expresión acorde ás diferentes etapas pola que se vai pasando.

* En canto á lectoescritura--- partiremos dun enfoque constructivista, a partir do nome propio e do dos seus compañeiros e compañeiras, familiares... e pouco a pouco avanzaremos no coñecemento de tódalas letras para ir formando palabras significativas para eles, e sempre en maiúsculas.

* En canto ao traballo da lóxica-matemática --- traballeremos sempre con actividades manipulativas, moitas relacionadas co método ABN (algoritmos baseados en números). Aínda que as veces poderían ir reflictidas nun papel, o proceso de aprendizaxe para facer as operacións básicas, coñecer a liña numérica ascendente e descendente, facer series atendendo a diferentes atributos...  terá sempre un primeiro carácter vivencial, manipulativo e significativo, o que lles permitirá ir interiorizando os coñecementos que van adquirindo día a día a través da práctica diaria.

* En canto é relación co medio ambiente --- será un pilar fundamental na nosa aula, polo que o teremos en conta por exemplo co uso de diferentes materiais (moitos de refugallo aos que lles iremos dando segundas ou terceiras oportunidades) tanto para traballos individuais dos nen@s, como para a elaboración de materias de xogo e decoración da propia aula.

Participaremos tamén de cheo coa AMA (aula de medio ambiente) do cole, e faremos plantacións, colleitas... tanto no invernadoiro como na nosa aula. Así mesmo, teremos un espazo dentro da aula adicado exclusivamente á natureza, onde se traballará para valorar a importancia de coidala, así como ver procesos propios das vidas dalgúns animais e prantas moi de preto.

* En canto á filosofía para nenos --- sí, dixen ben! filosofía! xogaremos  unha morea de veces a pensar. Seguiremos algunhas das ideas de Angélica Sátiro e Irene de Puig na súa colección de libros do Proxecto Noria, e nos atreveremos a opinar, a debatir, a investigar, a comparar... pero sobre todo a expresar e escoitar o que os demais expresan, dando os argumentos propios da idade na que estamos.

* E por último, e non por iso menos importante, senón todo o contrario, teremos en conta o aprendizaxe cooperativo --- En moitas ocasións traballarán en pequenos grupos, nos que cada un terá un rol diferente (portavoz, encargad@ de material, secretari@...) e terán que facer algunhas tarefas colectivamente. Serán de grande importancia estas actividades, porque para poder chegar ao obxectivo final é fundamental o papel de todos e cada un dos participantes, que irán aprendendo a colaborar cada vez máis.

* Ah, non! O aprendizaxe cooperativo non era o último, o último é o APRENDIZAXE COLABORATIVO FAMILIA-ESCOLA. Considero fundamental que haxa un traballo en equipo de toda a comunidade educativa, e que as familias (na medida do posible)  participedes con nós a través das diferentes actividades que se vaian programando ao longo do curso.
E... se tedes algo que contar, que ensiñar... e vos gustaría vir ao cole a facer algo cos peques, non o dubidedes, poñemos unha data e os peques e a profe estaremos encantadísimos de recibirvos.

E para non alongar máis esta parrafada inicial... xa vos deixo coas aventuras das abelliñas.

1 comentario:

  1. Benvida Bea. Xenial a túa exposición e o que conleva con todas esas actividades coas que estou dacordo na súa totalidade. Bicos para ti e para esa colmea de abelliñas fermosas.

    ResponderEliminar